Sinopse
O minucioso labor do profesor Ferreiro fixo que, coa honestidade intelectual como principio reitor na difícil tarefa de ler e interpretar Os Eoas pondalianos, establecese un corpus de 285 oitavas. Ao mesmo tempo, a existencia dun texto final d’Os Eoas permite valorar a evolución lingüística do poeta ao longo dos anos, con grafías e formas que se ían consolidando, na súa maioría, na literatura galega.
Cómpre dicir que, perante os materiais atopados, e tendo en conta as características da copia dactiloscrita, o labor de edición do texto levanta algúns problemas que se tentaron resolver nesta edición. A análise do mecanoscrito e a fixación textual do poema levou consigo: a reordenación das series de oitavas en que se produciron erros na secuencia lóxica; a supresión dalgunhas oitavas que son necesariamente concorrentes, tanto por razóns textuais como pola liña argumental do poema; o acrecentamento de dúas oitavas manuscritas autógrafas dispostas para a súa inclusión no lugar correspondente; a selección da redacción preferente cando contamos con versións dactiloscritas concorrentes; a fixación textual cando o poeta corrixe o texto dactilografado ou reescribe total ou parcialmente un ou varios versos dunha oitava; a depuración textual dos erros do(s) copista(s) que ficaron sen corrección no labor de revisión do texto mecanografado.
A presente edición vai acompañada de todos os textos complementarios da versión mecanografada básica do poema. Así, aparece a transcrición sistemática das versións concorrentes dactilografadas de cada oitava e tamén os materiais manuscritos aparecidos con esta versión e cronoloxicamente correspondentes ao período de elaboración final do poema épico.
Deste modo, o coñecemento d’Os Eoas amplía os horizontes lingüístico-literarios da literatura galega renacente, en que Pondal cumpre ou, máis ben, podería ter cumprido unha función semellante, gardando as distancias, á de Camões na literatura portuguesa ou de Dante na literatura italiana, realizando unha importación masiva de vocabulario clásico que nas culturas normalizadoras se produciu entre os séculos XV e XVI e actualizando literariamente o noso idioma.
Só a partir da verdadeira textualidade da produción de Pondal se poderá avaliar completamente a súa función neste ámbito e se poderá recuperar para o presente unha obra que pode contribuír a marcar o camiño no necesario proceso de actualización, normalización e expansión do galego.
|