Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia
(Occidente de Asturias)
Varios autores

Editorial Navia. Asociación Abertal del Eo-Navia, 2007
DescripciónRústica; 90 páxs.; 21 x 21 cm
ISBN / ref 200-2007
Sinopse
Desde hai algúns anos está habendo en Asturias un linchamento mediático e político contra todas aquelas persoas que sosteñen, como toda a lingüística iberorrománica e románica, que o falado entre os ríos Eo e Navia é un conxunto de tres variedades nororientais da lingua galega.

Desde a oficialidade asturiana (Academia de la Llingua, Parlamento, partidos, etc) deféndese que o falado no Eo-Navia non é galego, é outra lingua distinta do galego que participa de fenómenos comúns a galego e asturiano, é unha “lingua de transición” que, por estar en Asturias, depende da Academia de la Llingua e é outra lingua asturiana. Como tal, é a Academia de la Llingua (asturiana) quen debe normativizala, formar mestres, organizar cursiños etc. Todo o que cheire a galego é satanizado con palabras como “expansionismo”, “imperialismo” etc.

Abertal elabora un Informe moito ben documentado comezando cunha introdución sobre as linguas na península Ibérica; coa exposición das opinións de especialistas e lingüistas sobre a tipoloxía galega das falas do Eo-Navia; a negación e manipulación do nome da lingua en Asturias (onde se lle chama de todo menos galego: fala, eonaviego, lingua de transición, astur-galaico etc); cunha breve descrición das singularidades e xeografía destas falas galegas de Asturias e, o que supón a “proba do algodón”: Abertal emprega a dialectometría científica para medir a distancia estrutural entre estas falas o galego e o asturiano.

O resultado desta medición, que xa non é impresionismo ideoloxizado senón comprobación empírica, deita uns resultados indiscutibles: as falas eonaviegas coinciden co galego nun 86% dos fenómenos fonético-fonolóxicos e morfolóxicos e co asturiano só nun 12% (o asturiano occidental coincide co galego nun 18% e ninguén discute a súa filiación asturiana). Non é, pois, un conxunto de falas “que presentan trazos galegos e asturianos” a partes iguais, non: a proporción de coincidencias co galego é abrumadora: son falas galegas.

Remata este informe cunhas consideracións sociolingüística, con dous exemplos de “asturcentralización” do galego de Asturias: normativa imposta polo Principado e toponimia oficial; e remata cunha bibliografía sinxela, completa e nada sectaria. E insistimos nisto último xa que todo informe que se fai en Asturias sobre o galego do Eo-Navia oculta deliberadamente toda referencia bibliográfica feita en galego (que non son poucas). Isto, aparte de constituír unha falta de honradez científica incualificable, é simplemente manipulación da realidade.

Este Informe resulta, pois, moito necesario para comprendermos desde a Galicia administrativa a situación de dobre diglosia á que están sometidos os 40.000 falantes de galego de Asturias, bombardeados mediaticamente para rexeitaren todo o proceda de Galicia, mesmo o nome do que falan: galego.
Roberto Gonzalez Vazquez - Yualah TEV virtual shop system - Yualah
Obras de referencia

Conta andel
Carriño

Importe 7.69 €
4% I.V.E. 8.00 €
Club 7.60 €

Engadir ao carro